Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía | Universidade de Vigo
Enxeñaría da Enerxía | Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos

UTILIDADE

Utilidade

 

Como en calquera ámbito de coñecemento actual o incremento da información dispoñible aumenta de forma vertixinosa a diario. Unha das tarefas do profesorado é a identificación de posibles ferramentas que beneficien a aprendizaxe, introducindo na aula materiais, métodos e contidos en termos de situacións reais coas que o alumnado estea familiarizado. No caso das Actividades Manipulativas (AMs) existen innumerables recursos que poden ser empregados directamente nas clases maxistrais, en propostas de traballo-desafío ou en traballos colectivos. Todas elas orientadas á acción e cunha finalidade clara de adquisición de habilidades e incremento de compromiso coas materias. Esta diversidade de estratexias é unha forma de responder ás diferentes motivacións e intereses do alumnado. Evidentemente por se soas non contribúen salientablemente á mellora da aprendizaxe, sendo necesario para que estas sexan efectivas que os obxectivos, os intereses e os posibles resultados estean claramente definidas, así como unha correcta explicación e manipulación das mesmas por parte do profesorado.

Cando menos podemos documentar o seu emprego nas seguintes modalidades:

AMs demostrativas. Tradicionalmente as AMs lévanse a cabo en formato demostrativo durante a clase maxistral, axudando ao estudante a confirmar ou refutar ideas previas, obter diferente información útil e aventurar novas conclusións. Por parte do profesor iso require limitar e organizar o material presentado, vincular novo e vello coñecemento. En moitos casos trátase de demostracións curtas que non interfiren na marcha da disciplina e que provocan un aumento da interacción co alumnado. Os contidos adquiren así unha nova dimensión e son unha oportunidade para motivar e xerar unha discusión dirixida en clase. Unha das consecuencias, entre outras, es queestas demostracións permiten a observación e incluso manipulación polo alumnado de actividades que polo seu perigo, custo ou delicadeza, non realizarían nunca nas habituais prácticas de laboratorio: aparellos propios de laboratorio de investigación, certos aparellos de alta voltaxe, aparellos que mostran conceptos de forma simple pero complicados na súa manipulación, reprodución de experimentos históricos, etc.

AMs interactivas. As AMs poden facerse máis efectivas na clase maxistral aumentando a súa interactividade. Onde o alumnado é desafiado a facer predicións sobre o resultado esperado. Unha vez realizada a AM o alumnado discute cos seus compañeiros máis próximos o ocorrido e o profesor modera o correspondente debate. Este proceso promove a comprensión conceptual mediante a combinación de actividades mentais e manipulativas para producir información mediante discusión entre pares. Para iso o alumnado pode encher un documento relacionando os resultados esperados, empregar cartóns de resposta individual ou algún dos sistemas electrónicos de resposta inmediata dispoñibles comercialmente.

Mini-proxectos de AMs. Nun contexto de Aprendizaxe Baseado en Proxectos  ao alumnado pódeselle plantexar un traballo-desafío onde, traballando en pequeno grupo, eles deben crear, documentar (conectando con outros contidos e proporcionando información complementaria) e presentar unha AM unha vez que foron atopados e utilizados os recursos necesarios. Moito deste novo material debe incorporar imaxe, son, vídeo, texto e elementos como páxinas web interactivas ou ferramentas de simulación virtual en liña. Durante estes mini-proxectos os estudantes baixo a supervisión do profesor: constrúen un modelo, miden, fan hipótese, estiman, discuten, e suxiren. Iso require un esforzo intelectual adicional e ofrece unha visión máis creativa e contextualizada da compoñente práctica que a que ofrece o habitual traballo no laboratorio.

AMs colectivas. Co resultado do traballo realizado polo alumnado nos min-proxectos pódese levar a cabo no propio centro, habitualmente baixo a denominación de Semana da Ciencia, a clonación a menor escala no ámbito educativo dun pequeno museo científico-tecnolóxico, nunha actividade colectiva e cooperativa na cal o alumnado é co-responsable da súa definición, montaxe e monitorización, nun marco de explicación por pares ou iguais. Este traballo de deseño e interactividade co alumnado redunda na consecución de importantes obxectivos formativos relacionados coas habilidades propias de actividades deste tipo, así como o afianzamento de diversas competencias transversais básicas. Unha vez montado este espazo pode ser visitado polo alumnado do propio centro ou de outros centros invitados. Cada módulo pode estar acompañado dun panel autoexplicativo que, baixo un título rechamante, conteña breve información audiovisual e algunhas cuestións provocadoras para os visitantes. Máis que aprender, o alumnado visitante é estimulado a indagar e a desenvolver unha situación para que exploren ao seu xeito e por si mesmos, inducindo se é posible unha posterior realización de actividades similares pola súa conta. Os visitantes son acompañados por alumnado que serve de guía ou mediador e proporcionaba pautas metodolóxicas para a comunicación cos visitantes, promove alternativas ás actividades espontáneas dos visitantes ou realiza os axustes necesarios cando fai falta, previamente o alumnado é instruído, de forma que ofrece explicacións científicas comprensibles.

AMs nos corredores. Unha selección das AMs deseñadas polo profesorado ou polo propio alumnado poden logo ser distribuídas ao longo do edificio durante todo o curso académico. Estes módulos seleccionados constitúen unha exposición permanente que en calquera momento facilita a interacción voluntaria do alumnado. Pódese incentivar o seu emprego organizando un concurso entre a comunidade do centro onde os participantes deben resolver desafíos sinxelos relacionados cos conceptos que subxacen en cada unha das AMs amosadas para acadar un premio.